Proxecto integral para a recuperación e posta en valor dos petroglifos da Ran

O pasado mércores Veciñanza presentoulle ao Alcalde de Cuntis, Manuel Campos, un Proxecto Integral de Recuperación e Posta en Valor dos petroglifos da Ran. O documento consta de máis de 80 páxinas e, ademais da parte técnica, identifica as deficiencias actuais e ofrece propostas viables para a conservación da área de petroglifos da Ran, que actualmente se atopa nun estado certamente lamentable. Alertabamos fai poucos días do nulo mantemento que tanto este como o anterior goberno realizaran daquela zona rupestre, sen dúbida unha das referencias do rico patrimonio histórico-artístico cuntiense.

Foron varios os arqueólogos e especialistas que nos asesoraron para a elaboración deste traballo. O plan contempla o acondicionamento dunha ruta de sendeirismo que faga visitables os petroglifos, así como unha difusión máis áxil dos bens patrimoniais cuntienses como elementos inescusables do potencial turístico do municipio. É indispensable unha sinalización adecuada dunha zona que se atopa en estado de absoluto abandono. Sinala tamén a necesidade de que os traballos de limpeza deben facerse con escrupuloso coidado e supervisados polos técnicos competentes da Xunta de Galicia.

prpevprEntendemos que a posta en valor do noso patrimonio non é exclusivamente unha cuestión de sensibilidade cultural, senón un potencial socioeconómico con capacidade para xerar riqueza e mesmo postos de traballo. O turismo é un dos referentes da nosa economía local, e sen dúbida atópase infraaproveitado. Conservar, difundir e artellar a promoción adecuada debe ser unha labor do Goberno Municipal que ata o de agora non se está a producir. Veciñanza cre firmemente que neste eido hai moita marxe de mellora no que se refire ás potencialidades, pero hai moito por facer e a execución dos proxectos require ideas e traballo, algo que ata o momento non se percibe con claridade na xestión do bipartito.

Ademais da crítica construtiva, Veciñanza achega proxectos perfectamente viables. Deste xeito, estamos a disposición tanto do Goberno Municipal para colaborar na dinamización da nosa maltreita economía local como de calquera veciño/a ou colectivo que desexe unha explicación máis detallada e pormenorizada do que este documento propón.

Share

Tamén pode gustarche...